Realiza estudos oficiais de guitarra clásica desde os 11 anos no conservatorio municipal de Carballo, de onde é o seu primeiro profesor J. Miguel Suárez. Á maioría de idade trasládase ó Conservatorio Estatal da Coruña, onde culmina os seus estudos de Grado Medio obtendo o Título Profesional coa cualificación de 10 en guitarra.
Tamén realiza estudos de trombón con Marcial Figueroa e Arturo Centelles, participando en cursos con Michel Becquet, Ricardo Casero ou Indalecio Bonet. Realiza os seus estudos de Graduado Superior en Guitarra Clásica e Interpretación Musical no Conservatorio Estatal Superior da Coruña, co profesor Eulogio Albalat, finalizando en xuño de 2005 coa cualificación de Matrícula de Honor en Guitarra e no recital de fin de carreira. Posteriormente trasládase a Cáceres, onde realiza un Máster en guitarra clásica e interpretación musical con Ricardo Gallén, cunha bolsa de perfeccionamento de estudos musicais da Deputación da Coruña.
Recibiu clases de técnica e interpretación das mans de artistas de recoñecido prestixio como Eduardo Isaac, Eduardo Baranzano, Hugo Geller, Alex Garrobé, Marco Socías, David Rusell, Joaquín Clerch, Carles Trepat, Ramón Carnota, Ricardo Gallén, Pavel Steidl, Juan Carlos Rivera, Michalis Kontaxakis, Carlo Marchione ou José Luís Rodrigo.
Foi bolseiro dos cursos de “Música en Compostela”, onde foi recoñecido co Premio da Fundación “Victoria y Joaquín Rodrigo”. Obtivo o 2º Premio no Certame de Novos Intérpretes “Vila de Ortigueira” en 2005. Recibiu unha mención de honra nos Premios á Excelencia Musical, promovidos pola Fundación “Mans-Paideia” e a Xunta de Galicia en 2006, premio que lle valeu a gravación do disco “Impresiones”.
Realizou gravacións para Localia Lugo, Ponferrada TV, Canal Estremadura, Cope Bergantiños, para a revista “Guitarra Total”, e ofreceu recitais en festivais e ciclos en Lugo, Santiago, Betanzos, Carballo, Vigo (Semana da Guitarra), A Coruña (Novos Intérpretes no Teatro Rosalía de Castro), Tarazona (Festival Tarazona Musical), Ferrol (Entrega do Premio Nacional de Poesía) e Cáceres.
Actualmente é profesor de Guitarra do Centro Autorizado de Música Profesional Fingoi en Lugo, da Escola Municipal de Música de Ames e estudante do programa de Doutorado “Música en la España Contemporánea” da Universidade de Santiago de Compostela.