Sendo aínda moi pequena estala a guerra civil española. O seu pai, que nese momento ostenta un cargo importante na Administración, inicia, con toda a familia, unha peregrinaxe cara a ningures, acompañando ó Goberno por diversas cidades españolas, fuxindo do avance das tropas de Franco, ata que finalmente pasan a Francia para intentar refuxiarse no país veciño, que se supoñía era un país amigo. Aquí é onde empezar a espertar os seus primeiros recordos. Un éxodo aterrador en trens de gando, de campo de concentración en campo de concentración percorrendo aquela terra hostil de sur a norte. Non os queren en ningún sitio. Finalmente amontóanos nun campo situado nun pobo na fronteira de Bélxica. Choros, frío, fame, medo… Non recorda amigos, nin xogos, nin infancia. Cando ó principio da guerra mundial os nazis se aproximan a Francia, son novamente repatriados a España. Outra vez aqueles vagóns, aquela incerteza do que ía pasar. A súa curta idade non lle facía vivir o seu medo pero vivía o medo dos demais. Por fin, e tralas múltiples vicisitudes e odiseas, recalan en Galicia, terra natal dos seus pais.
E é en Galicia onde realmente nace. A súa nenez foi a súa adolescencia pero tamén a súa madurez. A adaptación foi tan difícil nun ambiente que en principio se lles presentou tan hostil, que tivo que madurar pronto. Pero aquí estudou, casou, tivo os seus fillos, perdeu ó seu esposo, ós seus pais, pero foi onde loitou, traballou e viviu. Moito sacrificio, moito esforzo, moitas penas e tamén moitas alegrías.
Hoxe, pasado o tempo, escribe aquelas vivencias, recordando as súas primeiras impresións que lle fixeron, non vivir con odio nin con rancor, pero tampouco con esquecemento, os duros transos dos primeiros anos.
Compatibiliza a súa faceta de escritora coa participación en actividades políticas e sociais, prestando especial atención a colectivos desfavorecidos. Na actualidade, desempeña a presidencia da Asociación Penitenciaria “Concepción Arenal”, dedicada á reinserción do colectivo ex penados e desde onde programan conferencias e xornadas nas que se estuda e informa (sempre por personalidades da máxima cualificación) ós colectivos implicados nestas cuestións sobre os temas máis candentes da actualidade e as reformas que se van producindo no Código Penal e a súa aplicación.
Igualmente participa en medios de comunicación tanto radiofónicos como televisivos e en prensa escrita, ofrecendo a súa visión da actualidade en mesas e foros de opinión e debate, procurando facelo desde a maior imparcialidade ó que pode contribuír dada a súa experiencia de vida que a levou a coñecer dúas versións dunha realidade diametralmente opostas.
A súa incursión na política prodúcese ó presentarse ás eleccións municipais do Concello de Lugo. Como concelleiro desempeña as delegacións de Servizos Sociais e Cultura, e tamén se responsabiliza da Alcaldía en ausencia do titular, cousa que se produce por primeira vez nesta cidade bimilenaria. A experiencia non é totalmente satisfactoria, xa que se ben pode satisfacer a súa ilusión de servir á súa cidade, por outro lado o seu espírito libre non é partidario de someterse a unha disciplina política coa que moitas veces non está de acordo.
Cando as circunstancia fan vibrar os seus sentimento, refúxiase na escritura e desta forma nace a afección que máis pracer persoal lle proporcionou.
Desde moi pequena escribe poesía, pero non é disciplinada e non garda, nin colecciona, nin arquiva, ademais, nunha desas vicisitudes negativas coas que lle regalou a vida, nun momento determinado, a casa onde residía cos seus pais é pasto das chamas, non podendo salvar na máis que o posto: a roupa de durmir, xa que o incendio se produciu de noite.
Neste momento, ten numerosos poemas escritos en galego e en castelán: “Despertar, Parece que fue ayer, Mi madre, La brevedad de la vida, El olivo, Augardente bendito, Son de gaita, Noite meiga, Os nosos nenos, El mar airado, Morriña, Noche de luces, La emigrante, La muralla de Lugo, A door Esquencida…”
Aínda que non é moi partidaria de participar en concursos, fíxoo nalgunha ocasión e os seus traballos sempre foron premiados e recoñecidos pola súa calidade: “Certame Literario San Xurxo: Poesía Galega” e “Certame Literario San Xurxo: Poesía en Castelán” ambas do Centro Galego de Barcelona; Premio “Aquelarre” da Coruña; “Premio Sánchez Queizán” en Begonte. Tamén se editaron os seus poemas en revistas e publicacións: “Revista Xistral”, “Antoloxía do Centro de Estudos Poéticos de Madrid”: Publicación “Solamente Palabras”; Publicación “Estrella fugaz”, etc.
Moitas destas poesías foron recompiladas nun libro titulado “Poemas de amor y fantasía”, editado a beneficio de ASPNAIS.
Ten tamén escritos, contos e lendas populares que, co título de “Os Contos do meu curmán”, foron editados polo Concello de Lugo.