Luis Pérez Vila


 Currículum

Durante trinta e cinco anos foi o Xefe da Policía municipal da cidade de Lugo.
Ingresou por concurso-oposición o 2 de xaneiro de 1969, como Suboficial-Xefe da Policía Local de Lugo. Ao xubilarse en 1974 o Oficial-Xefe D. Manuel Silvosa Picos, pasou a ocupar o seu posto e rango, sendo entón o xefe de Policía Local máis novo de España en capital de provincia.
Xa como Oficial-Xefe, e vendo que as prazas vacantes na policía local se poñían a disposición do persoal xubilado das forzas armadas, efectuou repetidas xestións ao máis alto nivel ata conseguir que non houbese máis destinos civís para a policía local, conseguindo que todas as vacantes do cadro de persoal se cubrisen con aspirantes mozos e por oposición libre, dándolles a oportunidade aos que hoxe están no corpo.
A raíz destas accións, créase en Lugo a que sería unha das primeiras academias oficiais de Policía, para esixir nas sucesivas convocatorias de oposicións, superar un período mínimo nela. Na actualidade, o tema xeneralizouse e o papel formador desempéñao a Academia Xeral da Estrada para toda Galicia.
Froito das súas xestións e a comprensión dos sucesivos alcaldes e concelleiros delegados daquela época, consegue importantes melloras en material a disposición da Policía Local, e o aumento do cadro de persoal, pasando de noventa policías a final dos anos sesenta aos cento trinta e poucos anos.
 Luis Pérez Vila conseguiu a cesión do edificio do antigo cárcere para cuartel da policía local, efectuándose o traslado dende unhas vetustas instalacións no Pazo Municipal, de non máis de cincuenta metros cadrados para oficinas, arquivos e vestiarios, ao edificio do antigo cárcere onde a Policía municipal na actualidade goza de instalacións adecuadas e suficientes.
Para crear diversas unidades e brigadas dentro do propio cadro de persoal, conseguiu a creación de postos de mando que se fixeran cargo das mesmas, conseguindo algo único entre as policías locais de España ao mobilizar ascensos internos para unha terceira parte do cadro de persoal: Uns corenta membros ascenderon á categoría dun posto superior.
Iso repercutiu non só en beneficio dos interesados senón na creación dunhas aplaudidas e admiradas brigadas de seguridade nocturna e diúrna, a de drogas, as seccións de atestados, policía de barrio, sinalización, administrativa e de obras.
Nos últimos anos da súa vida laboral pasou de Oficial-Xefe a Inspector-Xefe, cuxa denominación actual segundo a nova Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia é a de Superintendente-Xefe. Xubilouse como tal en setembro de 2009.