Luis González Tosar


Categoría: Escritor e profesor
Data de Nacemento: 25 de agosto de 1952
Lugar de Nacemento: Bos Aires (Arxentina)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Fillo de nai asturiana e pai galego, realizou os estudios primarios nas escolas públicas ‘Manuela Pedraza’ e ‘Blas Parera’, e a secundaria no Colexio Nacional ‘Manuel Belgrano’. Viaxou a Galicia, por primeira vez en 1964, e en 1969 trasladouse definitivamente coa súa familia. Completa os estudios medios en Vigo, no Instituto ‘Santa Irene’ e, en 1972, comezou os estudios de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Será, sen embargo, nunha aldea do interior da provincia de Ourense (Guimarás - O Irixo) onde ten lugar a súa escolla pola lingua e a cultura do país. A esta actitude de Tosar contribuíron tamén, destacados intelectuais, que foron definitivos na súa elección de ser galego: Luís Seoane, a quen coñeceu e tratou en Bos Aires, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, o seu profesor de literatura no ‘Santa Irene’ (Vigo), Francisco Fernández del Riego, e xa en Santiago, Ramón Piñeiro, Xesús Alonso Montero e Carlos Casares. Na súa etapa universitaria, participou activamente nos movementos políticos e culturais das décadas dos 70 e dos 80. Obtivo a licenciatura en Filoloxía Hispánica, sección de galego-portugués, pola universidade compostelá e actualmente traballa como profesor de Lingua e Literatura Galega en Santiago.

 Obras realizadas

Polo seu primeiro libro, ‘A caneiro cheo’ (Ed. Galaxia,Vigo, 1985), Tosar recibiu o prestixioso premio ‘Esquío’ de poesía galega e o ‘Losada Diéguez’ de creación literaria. O seu segundo poemario, ‘Remol das travesías’ (Ed. Galaxia, Vigo, 1989), foi merecedor do premio da Asociación da Crítica española en 1990. Outros libros seus son: ‘Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras’ (Grial, Vigo, 1986), ‘Campás de Recalada’ (1992) e ‘Coa forza da palabra’ (Ed. El Correo Gallego, Santiago, 1993). Tamén publicou a colección de relatos ‘Estación Marítima’ (Ed. ‘Galicia en el Mundo’, Vigo, 1996), na que recolle descricións de personaxes peculiares xunto a vivas descricións da emigración galega na Arxentina, en Uruguai, no Brasil, en Chile e en Cuba, países que o escritor coñece e vive moi a fondo. Luís G. Tosar, reuniu o primeiro ciclo da súa produción poética no volume ‘Madeira do meu canto / Madera de mi canto’ (Col. Visor, Madrid, 1998), en edición bilingüe, galego-castelán, con tradución do propio autor. A súa última entrega é ‘Invocación dun tempo / Invocació d’un temps’ (Viena Edicions, Barcelona, 2001), que leva un prólogo de Pere Gimferrer en edición bilingüe, galego-catalán.

 Outros datos de interese

A obra poética deste autor está presente nas principais antoloxías e ten sido traducida, ademais de ó castelán é catalán, ó italiano, inglés, francés, alemán, ruso e húngaro. En 1999 recibiu o premio ‘Julio Camba’ de xornalismo e no mesmo ano, o ‘Modesto R. Figueiredo’ de narrativa breve. Actual presidente do P.E.N. Clube de Escritores de Galicia, co-responsable da colección de poesía ‘Arte de Trobar’, fundador e ex-director da revista ‘Dorna’ -Expresión poética galega- da Universidade de Santiago, asiduo colaborador nos medios de comunicación, Luís G. Tosar é hoxe un dos principais poetas da chamada ‘Xeración dos 80’, que nunca esqueceu a condición de fillo da emigración galega en Iberoamérica.

En outubro de 2015 a Academia Arxentina das Letras, nomeouno académico correspondente, representando a Galicia nesa institución.