Juan Luis Pía Martínez


Data de Nacemento: 27 de setembro de 1928 (24 de decembro de 1988)
Lugar de Nacemento: Ortigueira (A Coruña)
 Currículum

Durante os seus primeiros anos estudou nos centros escolares da vila ata que puido acceder aos seus estudos universitarios que cursou na Facultade de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

Co título de licenciado baixo o brazo, regresou para abrir un bufete de avogado no cantón ortigueirés. Alí foise iniciando nas súas actividades burocráticas e de representación e na asistencia legal aos seus veciños, os que pouco a pouco lle foron outorgando a súa confianza. A súa actividade profesional alternaraa durante aqueles primeiros anos co exercicio da docencia, primeiro, na Academia Santa Marta, que dirixía o cura Jesús Márquez Cortiñas, e máis tarde noutras institucións educativas locais.

O seu carácter de home discreto e ata tímido coroábase cunha mente reflexiva que valoraba todos os pros e os contras de calquera tema antes de tomar unha decisión. Estes aspectos da súa personalidade sempre foron moi valorados por todas as persoas que o chegaron a coñecer e a manter unha relación estreita con el.

Nos anos sesenta, máis concretamente en 1966, un grupo de persoas relevantes do pobo decidiu organizar unha comisión que levase a cabo a iniciativa de crear unha nova academia que ocupase o lugar deixado pola que ata daquela dirixía o cura Jesús Márquez Cortiñas baixo o nome Academia Santa Marta. O obxectivo destes pais preocupados pola educación dos mozos da comarca era abrir un centro educativo que lles permitise realizar os estudos de Bacharelato sen ter que trasladarse a outras poboacións, co sobrecuste que isto lle suporía ás súas familias e que a maioría non poderían permitirse pagar. Esta comisión xestora recibiu o nome de Grupo de Pais de Familia e estivo liderada por Juan Luís Pía.

Os seus inicios non foron demasiado fáciles, posto que, como moito tempo despois relataría un dos seus precursores, o farmacéutico Alfredo Torres Pajón, “Todo este esforzo sería papel mollado de non dispoñer dun edificio onde impartir as ensinanzas. Os ollos estaban postos na casa que ocupara o Colexio de Relixiosas [hoxe Casa Reitoral], doado á diocese de Mondoñedo con fins específicos por dona Filomena Reguera Reguera. O tempo apremaba e, sen perder a oportunidade, un reducido grupo viaxou para entrevistarse co señor Bispo da Diocese. O encontro tivo lugar en Mondoñedo a onde se chega tarde. Non era hora de visita. De selo, o resultado sería o mesmo, pois nada máis coñecer as pretensións dos visitantes, a negativa máis rotunda amparada nunha imposibilidade xurídica, inundou a cámara episcopal. De nada serviron os razoamentos e as consideracións expostas. Nin sequera á suposta xenerosidades e demais virtudes do Prelado, este modificou a súa resposta. Porén, no curso da entrevista puidéronse ver as razón (mellor, senrazóns) da súa actitude. Adiviñábase molesto co pobo de Ortigueira. Falta de diálogo cos elementos formais da vila? Tal vez incomprensión episcopal?... Non hai lugar para xuízos valor”.

A visita á sé da curia non era a primeira que o intrépido grupo fixera. O seu retraso debérase a que con anterioridade os seus membros viaxaran na dirección contraria para entrevistarse coa señora Filomena Reguera Reguera, na súa residencia en España, o Hotel Compostela, de Santiago. Esta muller de raíces orteganas era unha persoa moi interesada en todo o que lle concernía á educación e o progreso da Comarca como o foran os seus ascendentes, polo que unha vez que lle foi revelado o motivo da visita, declaroulles, segundo comenta Alfredo Torres, que o asunto lle parecía “estimable para a súa vila, [e] reclama sen máis a presenza do seu notario quen, coa axuda de Juan Luis, avogado ducho no regate legal, redactou un documento autorizando o uso solicitado”. Así que, ante a negativa episcopal, o comité de pais viuse na necesidade de sacar o seu as da manga e “estender o documento, inédito ata daquela, sobre a mesa de palacio para que monseñor reclamara recado de escribir para autorizar coa súa sinatura a entrega das chaves do edificio, en poder do noso párroco”.

Durante os anos seguintes, a Academia de Ortigueira -como foi coñecida por todos- desenvolveu a súa tarefa educativa grazas aos xa nomeados Juan Luís Pía e Alfredo Torres, pero tamén a outros profesionais da Comarca como José María Bouza, Higinio Rodríguez ou Agustín Pía, entre outros moitos chegados de diferentes partes de Galicia.

A continuidade que lle proporcionou o novo centro á Academia de don Jesús fixo que non se rompese a tradición ortegana de seguir aportando os seus novos bachareis ás universidades españolas e, con iso, continuar alimentando á súa terra dun bo número de licenciados, que a converterían durante moito tempo nunha das máis cultas de Galicia en función da súa porcentaxe de universitarios por número de habitantes.

Esta calidade educativa propiciada polo esforzo duns concidadáns que tiveron que tomar as rendas da educación dos seus mozos ante a desidia dun Estado que incumpría coas súas funcións formativas empezou a verse modificada a raíz da publicación no BOE da Lei Xeral de Educación. A nova lexislación do Ministerio de Educación, dirixida polo tecnócrata José Luis Villar Palasí, impulsou, en 1970, a maior reforma da ensinanza que se produciu en España desde a Lei Moyano de 1857. Con ela, o antigo bacharelato dividido en dous ciclos (elemental, de catro anos, e superior, de dous) pasaba agora a un so, o Bacharelato Unificado Polivalente (BUP, de tres anos de duración).

Para os académicos orteganos, esta reorganización afectoulles moito desde varias frontes. Por un lado, propicioulles unha clara diminución da súa matrícula xa que o ciclo do Bacharelato elemental quedaba absorbido pola educación primaria obrigatoria, agora chamada Ensinanza Xeral Básica. A esta drástica redución no número dos seus alumnos terían que sumarlle a necesidade de ter que contratar a profesores profesionais procedentes de fóra da comarca para dar as súas clases, co sobrecuste que iso supoñía, e que dificilmente podían ser asumidos por uns ingresos diminuídos. Estes e outros motivos fixeron que a nova academia acabase tendo os días contados.

Pola súa parte, os pais que aínda desexasen que os seus fillos estudasen a nova ensinanza media, tamén tiveron que volver planear o futuro noutro lugar, pois teríanos que enviar ben a centros privados ou públicos doutras localidades, cos gastos de aloxamento que iso lles suporía. Algúns viron a man tendida dalgún familiar xa domiciliado nesa vila ou cidade, mentres que o resto houbo de acollerse a un internado ou a un piso de estudante. Esta nova dirección dos acontecementos, puxo outra vez en marcha o carisma e o xenio dos líderes políticos e sociais de Ortigueira que retomaron as súas demandas sobre a creación dun instituto público na Comarca.

A demanda dun centro de ensinanzas medias foi, durante moito tempo, un dos obxectivos das políticas do Concello de Ortigueira que máis consenso concitou entre todos os seus representantes. O primeiro en reivindicalo oficialmente foi o alcalde José Benigno Castiñeiras Teijeiro, nos anos 60, e o seu sucesor, José María Barro Soto, recolleu esta testemuña durante o seu mandato. Este rexedor municipal terá a súa ocasión de expoñer este tema tan acuciante no pleno do 2° Consello Económico Sindical Comarcal de Ortigueira, celebrado no Gran Cine Ortigueira o día 24 de maio de 1973.

Ao acto asistiron a totalidade dos delegados do Goberno na provincia, as representacións sindicais provinciais e comarcais, así como os alcaldes, presidentes de irmandades e patróns maiores das confrarías da zona do Ortegal. Todos eles sumaron o seu apoio á idea de implantar un Instituto Nacional Mixto de Ensinanza Media, co que se puidese completar o labor inicial das dúas concentracións escolares que deberían comezar as súas actividades no curso seguinte (1973/74). A suxestión, por parte do Concello de Ortigueira, foi que o novo instituto podería quedar instalado no edificio municipal que se construíra para Colexio Libre Adaptado, e que estaba situado detrás do antigo escolar ortegano.

Pese a todo, non será ata o mandato do alcalde Juan Luis Pía, que se iniciará o 1 de febreiro de 1976, cando realmente se empecen a desmontar moitos dos prexuízos que o Ministerio de Educación e Ciencia creaba para outorgar o desexado instituto. Pero antes de que isto ocorrese, tiveron que manterse moitas reunións entre os membros da corporación con políticos aliados aos que houbo que convencer da misión que se desexaba emprender antes dunha comisión se vise cara a cara cos funcionarios ministeriais. Merece a pena recordar aquí o apoio recibido para as xestións do alcalde ortegano ante o Ministerio de Educación da deputada conservadora María Victoria Fernández-España y Fernández-Latorre. Este tándem parecía repetir a historia, que xa nos albores do século XX mantiveran o avó da deputada, Juan Fernández Latorre, co daquela alcalde de Ortigueira Manuel Sandomingo Crego para conseguir a escola graduada para a vila ortegana.

O 26 de setembro de 1977, o Boletín Oficial del Estado publicou un decreto polo que o Ministerio de Educación y Ciencia ditaba a resolución da Xunta de Construcións, Instalacións e Equipamento Escolar na que anunciaba a convocatoria do concurso que debería dar lugar á construción dun Centro de Bacharelato Unificado Polivalente e COU en Ortigueira. Este edificio tería tres alturas e unha con capacidade suficiente para acoller a 600 alumnos. No seu exterior acomodaríanse dúas pistas polideportivas e unha zona axardinada.

En xaneiro dese mesmo ano, os técnicos do Ministerio presentaran un proxecto para a súa edificación no que propoñían que no novo centro se utilizasen os métodos construtivos máis modernos e os materiais da mellor calidade, especificando que o orzamento da obra sería de 42.812.313 pesetas e o seu prazo de execución de 14 meses. Para a situación do instituto, o Concello cedía gratuitamente un terreo público de 20.000 metros cadrados situado no barrio da Preguiza.

La Voz de Ortigueira relataba así a manifestación popular que se efectuou pola consecución do instituto o sábado 26 de novembro de 1977, e que foi organizada pola Asociación Intermunicipal de Veciños: “Más de tres mil persoas de toda a Comarca congregáronse na explanada do Colexio Nacional Alférez Provisional; e con todo orde, pero vibrante de entusiasmo, a manifestación púxose en marcha en dirección á Casa Consistorial. Houbo vivas, si, e outras exclamacións de entusiasmo, pero ningún morra a ninguén, tal como ás veces sucede en ex presións de entusiasmo popular deste tipo. Víanse varias pancartas, destacando entre elas unha de cinco metros de ancho por un de alto co seguinte texto: “A Comarca Unida, xa temos Instituto”. Esta pancarta era levada por D. Alfredo Torres Pajón e outros membros da Comisión Provisional Xestora da asociación organizadora. Figuraban varias máis, unha delas cunha trompeta pintada e o texto: “Tocan a estudar na Vila”; outras máis que dicían “Temos présa, o Instituto na Preguiza” “Viva a capital do Condado”...

Ao chegar ao Concello, José María Bouza e outros membros da Comisión Gestora dirixíronse aos participantes desde unha fiestra da Casa Consistorial, asegurándolles que acababa de entregar ao alcalde un amplo dossier coa información dos trámites realizados para a consecución do instituto e o repudio a certa campaña adversa, pero tamén sobre outras importantes necesidades orteganas. Bouza animou á unidade dos orteganos para a consecución das melloras que puidesen redundar en favor do Municipio. Á súa alocución, Juan Luís Pía respondeu agradecendo a entrega do dossier e o gran interese demostrado polo pobo, ao que lle recordou que no prazo de 14 meses, o novo centro de educación estaría operativo.

Durante moitas semanas, o semanario La Voz de Ortigueira fíxose eco tanto de notas de prensa en torno ás cuestións relativas ao proceso de recadación ou de avaliación dos resultados conseguidos como de artigos de fondo dos máis diversos autores valorando as posibilidades educativas que o instituto proxectaría na comarca.

Os corenta e dous millóns de pesetas en que a Administración educativa valorou a obra resultaron insuficientes a todas luces, pois, tras varios concursos, os construtores non chegaron nin a propoñer as súas plicas para a execución da obra, posto que, segundo advertían, aínda eran moitos os millóns que faltaban para que se puidesen cubrir simplemente os seus custes.

Eses non foron os seus únicos inconvenientes cos que se encontraron os seus xestores. A toda a tramitación do centro, uniríaselle agora a polémica suscitada sobre a súa situación e a proposta por parte doutras comisións doutros lugares do municipio distintos ao da capital municipal para o seu emprazamento.

Os primeiros en reivindicalo foron os veciños de Cariño, alegando que era o núcleo máis poboado. Na súa conta obraba o feito de que este tamén era un dos territorios máis extremos do concello, o que suporía para os novos do resto das parroquias ter que realizar diariamente uns longos desprazamentos. A reivindicación chegou ata o punto de levar a flota pesqueira ao porto da Coruña, unha actuación que se viu secundada polo apoio do diario La Voz de Galicia, que se puxo de parte dos intereses dos veciños do porto. Tras estas iniciativas falidas, a segunda pretensión foi que instituto se situase en Mera para o que se organizou unha comisión que será recibida polo ministro de Educación e Ciencia, Íñigo Cavero, quen lle comunicará aos seus membros que “era totalmente inviable a construción de dito Instituto en Mera, dado que incluso saíra a poxa e estaba firmada a escritura de adxudicación de obras de construción do de Santa Marta.

A noticia caeu como unha xerra de auga fría sobre os comisionados e, neses momentos, non souberon como reaccionar, pero pronto volveron a insistir ante as primeiras autoridades do Ministerio. Entrou entón a entrevista nun “tira e afrouxa”, logrando ao final que unha extensión do Instituto funcionase en Cariño, emprazado desde o seguinte curso de forma provisional na Confraría de Pescadores. A outra vantaxe conseguida foi a creación dun Centro de Formación Profesional que debería erixirse na zona de A Basteira, ao lado do Colexio de E.G.B.

Tras algunhas consultas, Construcións Piñeiro Temprano taxou o orzamento mínimo necesario para levantar o novo instituto ortegano en oito millóns de pesetas máis dos dispostos pola Administración educativa. Ante esta conxuntura, o alcalde Pía convocou aos seus veciños a unha asemblea para comunicarlles o seu sobrecuste e obter algún tipo de acordo para levar a cabo a obra. Nunha decisión insólita, o pobo de Ortigueira dispúxose a salvar o proxecto do Ministerio suplindo el mesmo os oito millóns de diferenza mediante unha subscrición popular, converténdose así no único concello na historia da educación en España que debería sufragar cun repago o seu instituto de secundaria, despois de ter que aportar el solar.

A Operación oito millóns, como se coñeceu a esta recadación pública, supúxolle aos orteganos afrontar unha cantidade de diñeiro para a que moitos non estaban preparados, pero as súas ansias de posuír un centro educativo destas características, e que fora ambicionado por varias xeracións especialmente sensibilizadas cos beneficios da educación, a formación e a cultura, non deixaron que o proxecto quedase en papel mollado. Y, como se adoita dicir, a fame agudizoulles o enxeño. A fase deste proxecto fixo que se elaborasen varias estratexias para recadar o diñeiro. Unha delas foi a formación de subcomisións parroquiais por parte da Comisión Pro Construción Instituto de Ortigueira, outra, a de poder establecer cotas pagadoiras durante os 18 meses que duraría a obra, e, por último, solicitar o apoio das entidades financeiras radicadas no municipio, fundamentalmente bancos e caixas de aforros, habida conta de que estas últimas, en función do labor social que exercían, gozaban de importantes beneficios fiscais en materia tributaria.

O 1 de outubro de 1978, o Instituto de Ortigueira abría as súas portas aos alumnos de toda a Comarca como Instituto Nacional de Bacharelato. As súas aulas foran dotadas para cubrir ata 640 prazas de alumnado, unha matrícula que nunca chegaría a alcanzarse, pero que sen lugar a dúbidas lle ofreceu a posibilidade aos mozos de que se democratizase a súa educación sen ningún tipo de limitacións ou exclusións. Desde entón, polas súas clases pasaron alumnos que posteriormente se converteron en profesionais de todas as ramas do saber, estendendo a fama educadora de Ortigueira por toda España, e ata por outros países do mundo.

O novo equipamento educativo contou coas últimas melloras arquitectónicas e dispuxo de calefacción en todas as súas aulas, incluído o ximnasio. As súas aulas espazosas estaban bordeadas de corredores amplos, de ventás que permitían entrar moita luz e de todo o material instrumental necesario para impartir unha boa formación.

Naqueles momentos, La Voz de Ortigueira tiraba de hemeroteca para recordar que “ao longo dos 62 anos de existencia do semanario fixéronse xestións, ben individualmente por prestixiosas persoas ou por comisións nomeadas ao efecto, ante os organismos oficiais para conseguir o que, ao fin agora, temos en realidade”

Durante o seu segundo ano de actividade o instituto aínda non dispoñía dun nome oficial, polo que desde o concello abriuse un debate sobre a súa posible denominación. O agora alcalde do primeiro concello democrático de Ortigueira, Juan Luís Pía, avogou por concederlle o nome do insigne político nacionalista galego Alfonso Rodríguez Castelao, mentres que o grupo municipal de AIUDO, unha coalición política cariñesa, pretendía que se denominase co nome da comarca, á vez que apuntaba que o rianxeiro non había ter xamais ningún vínculo con Ortigueira. Fóra da corporación tamén xurdiron outras propostas, como a aportada polo catedrático ortegano do instituto lucense Virxe dos Ollos Grandes, Federico Bouza Fernández, que entendía que debería dedicárselle a ensinantes afines ao municipio como Ovidio Fontela Rubiños ou Jesús Márquez Cortiñas ou a figuras ilustres como Federico Maciñeira e Julio Dávila, para finalmente formular como a súa suxestión definitiva, que non era outra que a de adxudicarlle o nome do famoso xeógrafo Julio Dávila Díaz.

Outras obras importantes que se acometeron durante a xestión de Juan Luís Pía á fronte do Concello foron o recheo da Preguiza, a consolidación do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o recheo da alameda, a construción do centro social da terceira idade ou a nova estrada ao porto de Espasante. Tamén mantivo un decidido apoio ao sector agrario, pesqueiro e da lousa.

A traxectoria política de Juan Luís Pía non rematará na súa fase local, senón que, tralo seu ingreso nas filas de Alianza Popular, en 1980, concorrerá ás primeiras eleccións democráticas da Comunidade Autónoma de Galicia, como candidato polo Distrito ortegano polo partido liderado por Manuel Fraga Iribarne, co que logrará a súa acta de deputado no Parlamento de Galicia (1981-1985).

Ao ano seguinte, o presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, nomearao director xeral de Administración Local (1982-1983), e un ano despois Conselleiro de Xustiza e Interior (1983), pasando logo a ocupar el cargo de director xeral de Xustiza e Política Interior (1983-1986).

Durante o tempo en que pertenceu ao aparato lexislativo da Autonomía galega foi un dos membros máis activos na configuración da súa normativa, para o que presentou todo tipo de informes e consideracións que, en moitas ocasións, foron aprobadas pola cámara parlamentaria, creando así uns instrumentos xurídicos que reforzarían a autoridade da Xunta no seu territorio.

Tamén durante a súa etapa de deputado autonómico hai que facer mención ó labor que cumpriu no desenvolvemento normativo do texto do Estatuto de Autonomía de Galicia e á sua participación no proceso de transferencia das competencias do Estado á Comunidade Autónoma galega desde o seu cargo de secretario da Comisión de Transferencias.

Durante a tramitación nas Cortes Xerais do proxecto da Lei de Planta e Demarcación, de 1988, onde figuraba a rehabilitación do Partido xudicial cos municipios de Cariño, Cedeira, Mañón, Moeche u Ortigueira, os seus argumentos permitiron que se mantivese a capitalidade do Partido en Ortigueira, e, polo tanto, seguise sendo sé do xulgado, o que faría, ademais, que permanecesen toda unha serie de servizos en torno a el.

Entre os seus amigos máis íntimos, sempre encontrou o apoio e as sabias opinións de David Fojo Salgueiro, quen tamén o acompañou ás máis diversas reunións, tanto do partido político no que ambos militaban, como as debidas á súa representación administrativa ante as máis diversas instancias. Como recoñecería Fernando Amarelo de Castro, ambos uníranse, desde os seus inicios, ao proxecto político de Manuel Fraga e a súa Reforma Democrática, “sen renunciar nin dubidar en ningún momento das súas auténticas conviccións políticas e partidarias”.

Tamén tivo unha gran afinidade co seu mentor político, José María Barro Soto, quen o chamou para formar parte do seu grupo de concelleiros e finalmente acabouno patrocinando para que lle confiran a responsabilidade do mando da Alcaldía de Ortigueira ante a súa próxima retirada do cargo.

A autoridade e respecto que imprimiu a todos os seus actos fixéronlle concitar a petición dos membros da sociedade Nuevo Club para que se fixese cargo da presidencia da súa xunta directiva.

Durante a súa traxectoria profesional escribiu numerosos artigos de opinión de carácter legal e político que asinou con varios pseudónimos como Aquilino, Sueiras, Durán Ramil, Oyente, entre outros, en La Voz de Ortigueira, e que estiveron vinculados, principalmente, á actividade municipal. Tamén destacou como un elocuente conferenciante, capaz de disertar con amenidade sobre calquera tema do seu ámbito, como quedou demostrado na súa intervención no Primeiro Consello Sindical Comarcal de Ortigueira, onde durante dúas horas desgranou os diversos temas que lle interesaba encamiñar ao concello para o desenvolvemento da comarca. Alí empezouse a fraguar o proceso que daría lugar á creación do instituto.

O Concello de Ortigueira concedeulle por unanimidade o nomeamento de Fillo Predilecto de Ortigueira no ano 2000, o único outorgado ata daquela a título póstumo. O recoñecemento foi recollido pola súa viúva durante a celebración dun acto no Teatro da Beneficencia.

Estivo casado con Emilia Teresa Iglesias coa que tivo tres fillos, Juan Luis, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña; Gonzalo, médico especialista no centro Sanitario Arquitecto Marcide de Ferrol e Marián, traballadora do Banco Pastor en diversas localidades.

 

</i>Texto de José Manuel Suárez Sandomingo</i>