José Mouriño Cuba


Categoría: Enxeñeiro técnico agrícola
Data de Nacemento: 25 de novembro de 1948
Lugar de Nacemento: Xermade (Lugo)
 Currículum

Os seus problemas de saúde impedíronlle emigrar a América, onde tiña familia. Inicia os seus estudios por libre e finaliza o bacharelato no Instituto Nacional de Ensino Medio de Lugo. Inicia estudios agrarios de Enxeñería Técnica Agrícola na Escola de Lugo, estudios que acaba en 1970. Posteriormente realiza as probas para o ingreso no Instituto Nacional de Reforma de Desenvolvemento Agrario e empeza a traballar na provincia de Ourense. Trasladouse despois a Santiago para seguir traballando no IRYDA, onde realiza o Proxecto de Concentración de S. Miguel de Vilar en Boqueixón e inicia estudios de Bioloxía e Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. En 1975 aproba as oposicións ó Corpo Especial de Enxeñeiros Agrícolas do Estado, sendo destinado a Ourense, de forma provisional, e a Bilbao de forma definitiva. Exercería a súa actividade de novo en Ourense ata o seu traslado a Lugo, onde reiniciou a actividade en 1980. Máis tarde oposita ó Corpo Superior Facultativo da Xunta de Galicia e exerceu a súa actividade na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria como biólogo. Participou de forma directa ou indirecta en case tódalas denominacións de orixe de Galicia, foi representante do Ministerio de Agricultura no "Consello Regulador do Ribeiro" e do de Valdeorras. Como delegado do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, foi cofundador das "I Xornadas Agrarias de Ourense", onde se forxaron proxectos de viveiros para o viñedo e a Estación Enolóxica de Leiro. Foi profesor dos "I Cursos de Inspectores Medioambientais de Galicia". Na actualidade, é o xefe do Servicio de Industrialización e Promoción Agroalimentaria da "Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural" en Lugo.

 Obras realizadas

Escribiu artigos esporádicos en El Progreso, La Voz de Galicia, La Vanguardia, etc. É colaborador de revistas como "Fronte e cocote", "Comunidade Escolar", "Semana Vitivinícola", etc. Ten dado numerosas charlas e conferencias en cidades de toda España e foi pregoeiro de innumerables feiras gastronómicas en Galicia.

 Outros datos de interese

Foi nomeado "Embaixador do Queixo do Cebreiro", "Comendador da Orde da Alquitara" e "Billó de Ouro".