Jesús César Silva Méndez


Pseudónimo:Padre Silva
Data de Nacemento: 25 de xaneiro de 1933 (†3 de setembro de 2011)
Lugar de Nacemento: Ourense
 Currículum

Cursou o Bacharelato no Colexio Cardenal Cisneros de Ourense, que compatibilizou con estudios de debuxo e pintura co pintor Manuel Prego de Oliver. Posteriormente obtivo as licenciaturas de Filosofía Pura e Teoloxía na Universidade Pontificia de Comillas, onde recibiu as ordes sacerdotais en 1957. Sempre compatibilizou os seus estudios coa pintura e expuxo as súas pinturas ó óleo en Ourense, Pontevedra, Vigo, etc. En 1956 fundou “La Ciudad de los Muchachos” (entidade que ofrece asistencia docente, espiritual e material a xoves necesitados). En 1964 fundou as institucións “Bemposta Nación de Muchachos” e “Escuela Internacional de Circo”, que se uniron en “El Circo de los Muchachos”.

 Obras realizadas

A “Nación de los Muchachos” está situada na Finca Bemposta, a uns quilómetros de Ourense, nun frondoso bosque cunha extensión de 200.000 metros cadrados e dividida en zonas de convivencia, residencial, escolar, industrial e deportiva. Os rapaces estudian Primaria, Secundaria, FP e BAC, ós que se unen os plans de estudios complementarios ideados na propia institución (Escola de Circo, Teatro e Escena; Música, Televisión, Imaxe e Son, Informática e Manualidades). Actualmente existen cidades-Bemposta en Bélxica, Venezuela, dúas en Colombia, Santo Domingo e Guinea Ecuatorial. Na “Escuela Internacional de Circo” impártese unha ensinanza básica de ximnasia, acrobacia e equilibrios. En 1966 naceu “El Circo de los Muchachos” e a partir de aí realizaron xiras por numerosos países de Europa e América.

 Outros datos de interese

O Pai Silva recibiu numerosas distincións e recoñecementos como o Premio do Sindicato de Espectáculos de España, o Premio Schweizer de Suíza, a Cruz de Beneficencia de Bélxica, a Medalla da Paz da ONU, o Trofeo París Match, a Medalla dos Amigos do Circo de Francia, a Espada Samurai de Xapón e a Medalla ó mérito en Belas Artes na categoría de ouro concedida por Real Decreto 2615 de 29 de decembro de 1994 e entregada pola Súa Maxestade don Xoán Carlos. Ademais, tanto o Pai Silva como os “Muchachos” teñen sido propostos varias veces para o Premio Nobel da Paz, desde países como Israel, Santo Domingo e India.