Francisco Franco Baamonde


Categoría: Militar e xefe de estado
Data de Nacemento: 4 de decembro de 1892 (†20 de novembro de 1975)
Lugar de Nacemento: Ferrol
 Currículum

Despois de remata-los seus primeiros estudios, ingresa no Colexio da Mariña, onde simultanea o Bacharelato e a preparación para o seu ingreso na Armada. En 1907 ingresou na Academia de Infantería de Toledo e uns anos máis tarde fixo méritos de guerra en Marrocos. Estivo destinado en Oviedo (1917-1920), onde reprimiu a folga revolucionaria asturiana de 1917. En 1923 casa con Carmen Polo, sendo o seu padriño o Rei Alfonso XIII. Posteriormente volveu a Marrocos e ós trinta e catro anos de idade convértese no xeneral de brigada máis novo de Europa. En 1928 Primo de Rivera noméao director da Academia Militar de Zaragoza, pero en 1931 o centro é clausurado pola República. Tres anos máis tarde foille encomendada a represión da revolución de outubro en Asturias e en 1935 pasa a ocupa-lo cargo de xefe do estado maior central. O Goberno da Fronte Popular noméao comandante militar de Canarias e decide participar nos preparativos do levantamento militar. Trala morte de Sanjurjo e despois da constitución da Xunta de Defensa Nacional en Burgos, Franco foi elixido o 29 de setembro de 1936 para facerse cargo do mando supremo. En 1938 transformou a Xunta de Burgos no primeiro goberno nacional español, ocupando os cargos de xefe de Goberno e xefe do Estado. Rematada a guerra civil, reconstruíu o país creando un Estado católico e autoritario. O réxime configurouse definitivamente coa promulgación dalgunhas leis como Lei de Creación das Cortes, do ano 1942 ou Lei de Sucesión na xefatura do Estado, do ano 1947. En 1966 creouse a Lei Orgánica do Estado e catro anos máis tarde nomeou como o seu sucesor ó príncipe Juan Carlos de Borbón. En 1973 delegou a xefatura do Goberno no almirante Carrero Blanco, morto nun atentado ese mesmo ano, e logo no ministro da Gobernación Arias Navarro en 1974.