Do matrimonio formado por Enrique Arribe Lorenzo, natural de Serantes e Flora Dopico González, de Neda, o día 28 de maio de 1936, naceron tres meniñas e dous meniños: María das Dores (1938); María Isabel (1939); Amalia (1941); Marcelo Jorge (1949) e Enrique (1955).
Para resumir o perfil de María das Dores Arribe Dopico, precisamos varios adxectivos, nos que coincidimos a maioría das persoas que tivemos a sorte de gozar da súa amizade e da súa sabedoría. Lola foi unha muller, intelixente, traballadora, culta, ética, rigorosa, integra, sobria, autodidacta, formada, independente e valente. Miúda, de mirada limpa, beleza serena, acolledora e cálida. Excelente comunicadora, tanto a través da linguaxe verbal, como corporal e dos silenzos, que con tanta mestría interrelacionaba, cos seus tempos, formas e modos, sen solaparse nin interrumpirse.
Podemos destacar catro ámbitos, significativos, que marcaron a súa historia de vida: político, lingüístico, académico e social, nos que deixou unha ampla pegada.
As raíces
Admiración, gratitude e orgullo de pertenza, formaban parte dos sentimentos familiares de Lola. Con gran gozo lembraba a procedencia do seu apelido “ARRIBE”. Sentíase agraciada das súas raíces, tanto galegas por parte de nai, como vascas, que lle viñan por a liña paterna.
Lola, con precisión, paciencia e mestría, explicoume en varias ocasións a orixe do seu apelido, separando o prefixo do sufixo. O prefixo ARRI, significa pedra e o sufixo BE, debaixo de, sería o que hai debaixo da pedra. A continuación ofrecía unha interpretación máis ampla, buscando o que ao seu entender era o verdadeiro significado. Arribe, era o topónimo do territorio que estaba debaixo da montaña de pedra, do pedregal ou da canteira na chaira ou no val. Por veces, tamén me comentaba que o sufixo podía ser BI, en lugar de BE, nese caso significaba dúas pedras, que por a mesma dedución anterior, podía ser o espazo entre dúas pedras, marcos ou símbolos de separación pétreos.
Actividade política
Compromiso, militancia, entrega, forza, constancia e motivación, definen a experiencia vital de Lola no escenario político e sindical galego, nos primeiros anos da democracia.
A súa testemuña axudou a quebrar, tanto o soporte, como o teito de cristal, que a modo de filtros, impedían a entrada da muller nas esferas do poder e as decisións políticas.
O PSG, obtivo o 3,72% dos votos válidos emitidos, Lola ía no número catro da candidatura. Ao analizar os resultados polo miúdo, descubrimos a influencia positiva da candidata na cidade na que moraba, en Ferrol o PSG, obtivo 2.700 votos, coa proporción do 6,26%, que duplicou a da media provincial.
Nas eleccións do ano 1982, presentaríanse na coalición Bloque-PSG, acadando no conxunto 38.437 votos, co 3,02%, Lola ocuparía o número sete da lista electoral, que non acadarían representación parlamentaria.
A incorporación da muller, de forma tímida e o uso da nosa lingua, de forma expresa, foron dous dos fitos determinantes nos escenarios políticos, desta forma o valoraba Lola:
“Desde o ano 1977 até o 1982, houvo duas vezes eleiçons ao parlamento de Madrid, umas eleiçons municipais, um referendo para a Constituiçom espanhola, outro para o Estatuto de autonomia e umas eleiçons para o parlamento galego. Os contínuos processos eleitorais produzírom um grande desgaste e os partidos nacionalistas galegos nom conseguirom escanos no parlamento espanhol. Os resultados nom forom proporcionais aos esforços, mas as organizaçons nacionalistas, com as suas campanhas feitas totalmente em galego, obrigaram os partidos espanhóis a terem em conta que Galiza tem uma língua de seu.”
A modo de “confesión”, Lola, vai debullando nun extenso texto de cinco folios, os motivos que a levaron a súa militancia política e ao fortalecemento da súa fe:
“Si. A miña fe xogou o papel de motor. A reflexión cun grupo de cristiáns tivo moito que ver coa miña opción pola militancia política. (...) Chegou un momento na miña vida no que a opción polo Evanxelio, a opción polos pobres fíxose máis radical, máis esixente e sentín a necesidade e a obriga de concretala unindo o meu esforzo ó de outros que de modo organizado tentaban dar solución ós problemas do Pobo Galego asoballado e marxinado. (...) O que eu tiña moi claro, era que a loita que se estaba levando non me era allea e que tiña que comprometerme nela até as últimas consecuencias, se quería ser fiel ó Evanxelio e a Galiza. (...) Porque, o que eu teño moi claro é, que se vivise mil veces, outras tantas, tomaría de novo a mesma opción que me axudou a amar máis a Deus a Galiza e aos irmáns”.
DA FALA E DA ESCRITA
Estudosa da nosa fala e comprometida coa súa escrita, con criterios científicos, gran defensora da corrente reintegracionista, tivo como referentes aos profesores Ricardo Carvalho Calero, Martinho Montero Santalha e Lois Barros Diaz, cos que conservou un vínculo de amizade durante toda a súa vida.
Na biblioteca do Parlamento da Galiza, consérvanse nove das numerosas cartas, que Lola lle enviou a D. Ricardo. Están datadas na década dos oitenta (1981, 1983, 1984 e 1989). Son documentos, cheos de sabedoría, cariño, admiración, respeito e confianza, ao falecemento de D. Ricardo (30-04-1990), Lola seguiu intercambiando correspondencia coa súa viúva dona María Ignacia Ramos Díez.
Para Lola, D. Ricardo era o perfil da pessoa que reunía os talentos mais prezados: educado, respeituoso, culto, agradable, nobre, inteligente, valente, estoico, sobrio e sabio, Vinha a ser a fonte de sabedoría e a referência a seguir.
Foi o seu mestre, mentor e amigo. Sentíase abençoada e agradecida pelos momentos que podía partilhar, tanto na distancia através da correspondencia como nas coincidências em congressos, conferências, apresentações e outros eventos, tanto públicos como privados. Essa reciprocidade era visível en D. Ricardo, con agarimo acolhía sempre a Lola. Ás áreas de confluência e a sintonía entre estas duas pessoas de bem dizer e de melhor obrar, criarom um vínculo tam forte, que alimentarom todas as suas vidas.
CONCILIO PASTORAL DE GALICIA
Lola tivo unha participación activa no Concilio Pastoral de Galicia (1968-1974). Ese intenso traballo, oportuno e necesario, marcou un antes e un despois, na utilización da lingua galega nos diferentes escenarios eclesiásticos.
Así o lembra José Martinho Montero Santalha:
“No Concilio Galego Lola fez parte da comissão de liturgia (eu também), que presidia D. Amando Araújo (irmão do nosso bispo) e foi uma eficaz defensora do uso do galego na Liturgia, que foi aprobado com uma grande maioria de votos”.
A galeguización da liturgia foi un referente para a concienciación de amplos sectores, que modelaron ese proceso, e serviu de guía para a edición e tradución de libros, na radio e na prensa, revistas, eventos e conferencias.
ESCRITORA
A experiencia de Lola, como autora de libros de texto do ciclo infantil, foi breve, intensa e gratificante, mágoa que non puidera continuar con esa labor, creativa e innovadora, por culpa da modificación das normas ortográficas. As novas, produciron un gran dano a nosa lingua, que tanto a empobreceu e desviou do itinerario que estaba chamada a seguir.
O talento de Lola, fluía nos seus libros, de forma sutil ía tecendo un tapiz multicolor cos fíos da arte, a sensibilidade, a sabedoría e o amor a terra e ás raíces da nosa lingua. Tinguido cunha caligrafía harmoniosa, que envolvían o agasallo, dun texto agradable, sabio e agradecido.
CONFERENCIANTE
A presenza de Lola en numerosos congresos da lingua galego-portuguesa foi habitual. A súa forma de dizer, de ser e de estar fluía con intensidade, criando umha atmosfera na que se respiraba liberdade. Transmitía con tanta forza un entusiasmo desbordante, que contaxiaba a un público, que se quedaba con ganas de saber máis. Era habitual nos congresos da Agal e nas homenaxes a D. Ricardo Carvalho Calero.
POETA
A poesía inédita de Lola é marabillosa, se grande era a súa creación literaria coñecida a través dos libros de texto e das conferencias, cando temos a oportunidade de acceder a parte que nos queda do seu arquivo persoal, descubrimos textos sublimes, dunha harmonía perfecta, de tristeza profunda, espida, dor, morte, loito, desencanto, memoria dos tempos idos, firmeza, coherencia, e loita. Son berros secos, que braman en contra das inxustizas e dos silenzos, que levan ao anonimato e a indiferenza.
Eu descubro en Lola, algo similar a creación de Guerra da Cal, a quen coñecíamos como escritor, sen embargo a descuberta da súa poesía, foi algo máxico e sorprendente.
As máis de duascentas poesías “In memoriam” ao seu irmán Jorge, son para ler e reler, e así, entender unha pequena parte da súa dor e o seu sufrimento por perder a quen sempre coidou, quixo e admirou con tanta intensidade, “o seu meninho”. Unha parte importante deses poemas están escritos na cara branca dos sobres de té, que a diario tomaba na cafetería Avenida de Ferrol.
A pesar da súa crenza limitante, ao afirmar que nom o era, Lola foi unha gran poeta. É difícil realizar unha pequena escolma da súa criazóm literaria:
Se eu fora poeta
Ai! Si eu fora poeta...!
Se eu soubera cantar...¡
esta angústia que sinto
botaria-a a voar
em cantiga saudosa
e levaria-a o ar
longe de mim... mui longe...
até o fundo do mar...
Mas nom nacim poeta...!
Nunca soubem cantar...!.
Andurinhas
O voo das andurinhas pom-me sempre
um toque melancólico no espíritu;
é, talvez, a lembrança
de todo o que se se foi ou se está indo.
Mas o tempo passado
e as persoas queridas
nom tornam, como as aves migratorias.
Felizes andorinhas!
Chuva
Chove na tarde gris. Chove.
Nom hai nada no mundo,
mais que a chuva
e umha terra mui árida que a absorve.
Paisage desolada.
Essa sombra, que avança, será a Morte
que vai buscando abrigo
no corpo aterecido de algum pobre?
Noiteboa
Noiteboa vivida na infância
com grande lediça...
esperada todo o ano com ánsia,
mesmo com cobiça...
Os caminhos da vida, tam duros,
roubarom-me os aços.
A ilusom dos sentimentos puros
morreu nos meus braços.
Sinto dores que o tempo nom calma
passado...presente...
Tenho frio no corpo e na alma
e névoa na mente.
Entre veus aparecem os rostos
um día queridos
misturados os vivos cos mortos
ausentes...perdidos.
Fai-se festa esta noite no mundo
porque Deus naceu....
Desde a minha soidade, eu pregunto:
Por que nacim eu...?
Lola choraba a perda dos seus referentes e perpetuaba a súa memoria: Carvalho Calero, Rafael Dieste, Juan Malde, Benjamin Moloise, forom algúns dos escolhidos.