Luis Mera Naveiras


Data de Nacemento: En 1942
Lugar de Nacemento: Ferrol (A Coruña)
 Currículum

Fillo de traballadores da industria, a súa formación básica realízaa na escola de aprendices de Bazán a partir dos 14 anos. Alí toma contacto cos diversos grupos políticos que se opoñen ó réxime do xeneral Franco. Posteriormente foi membro fundador de CCOO de Ferrol (1966) e un ano máis tarde está na cárcere e foi procesado polo Tribunal de Orde Público tralas súas actuacións como líder sindical.

É membro fundador da revista Ferrol-Análisis, do seu Consello de redacción e secretario do Club de Prensa de Ferrol. Desenvolveu entre 1978 e1983 como vicepresidente do Ateneo Ferrolán unha fonda actividade na recuperación da memoria histórica de personaxes da nosa cultura, levándose a cabo homenaxes a Rafael Dieste, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Antonio Machado, León Felipe, García Lorca e Alberto Sánchez.

Obtivo o Premio Diario de Ferrol á Cultura en 2007 e La Voz de Galicia o elixe entre os Cen Ferroláns do Ano.

Foi membro do xurado dos Premios da Crítica e, entre 1993 e 1995 desempeña o cargo de asesor cultural do Concello de Ferrol, labor polo que é seleccionado para os “Premios da Crítica” en 1994 na sección de música, xunto a Rogelio Groba; Xove Orquetra de Galicia e Coro de Poio, obtendo unha mención especial do xurado.

Forma parte do Consello da Cultura Galega na Sección de Música e Artes Escénicas desde o ano 2003, renovando a súa representación no ano 2008.

Recupera a obra de Bernardo Freire (1894-1983), músico cedeirés dedicado á composición e á dirección de orquestra que desenvolveu a súa labor en Uruguai.

Descobre e da a coñecer a obra compositiva de José Arriola (Pepito Arriola 1895-1954)

e o Concello da Cultura Galega edita as partituras e a biografía, da sús autoría, nun volume titulado Arriola. Obra Musical. Sobre el imparte a conferencia-concerto A Música e a intimidade da familia Arriola no Consello da Cultura Galega e no “Curso de Música en Compostela” con motivo da estrea do seu Cuarteto (2006).

En 1999 publica Juan José Castro. Vida, música e liberdade, dedicado ao compositor e director de orquestra galego- arxentino que, aínda que nado en Bos Aires, como fillo de emigrantes nedenses, sempre se sentiu galego.

No ámbito musical realiza un amplo labor como crítico, creador e animador. Utiliza o pseudónimo de J .Navemer para asinar os comentarios que van aparecendo no xornal La Voz de Galicia e máis na revista musical madrileña Ritmo, entre 1986 e 1993.Tamén en 1997 colabora en Música Antigua (revista ilustrada de música e historia), editada en Córdoba .Na actualidade exerce a crítica musical no Diario de Ferrol co pseudónimo de Juan M. Charlón é coordina como secretario o curso de verán “Pensamento Español Contemporáneo Carlos Gurméndez”, organizado pola Universidade da Coruña, e Club de Prensa de Ferrol.

Como promotor no eido da música foi membro do Xurado do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol ata 2003.Creou e escribiu un espectáculo de música didáctica para alumnos de EXB, no que fusiona diversas linguaxes expresivas (música, imaxe, texto e teatro). O espectáculo preséntase en Ferrol e itinera pola Coruña, Vigo, Santiago e outras cidades galegas.

Na década dos noventa organiza para o Concello de Ferrol e a Fundación Caixa Galicia os ciclos monográficos: “Nacionalismo Musical”, “El piano romántico”, “Temas populares de la Música Clásica”, “El lied romántico y la canción popular” y “Chopin, música y melancolía”, do que se imparte paralelamente un ciclo de conferencias.

Actúa como comisario (1990) das exposicións iconobiográficas “Lueiro Rey, cidadán e poeta” e a montaxe escénica musical creada para tal fin. Neste mesmo ano codirixe a edición do libro de fotografía documental “Acero sobre el Agua” e a mostra paralela que reflicte a vida do traballador da industria naval (Empresa Nacional Bazán, hoxe Navantia). Tamén co gallo do 50 aniversario de Bazán diseña e coordina a mostra e a edición do libro: “Una historia de hombres y barcos” (1997), empresa na que traballou desde os catorce anos.

Inmerso na problemática da cultura “transterrada”, divulga a obra e a personalidade de figuras da cultura galega na emigración ou no exilio. Fontenla Leal, Rafael Dieste ,

Xosé Rubia Barcia e Luis Seoane e Julián Bautista, do que recuperou e estrenou en Galicia a partitura orixinal creada polo músico madrileño para o álbum “Catro poemas para catro gravados”, do que son autores Luis Seoane (Xilografías) e Lorenzo Varela (texto).

No ano 2013, recibe unha homenaxe pública do mundo da cultura e do traballo manual, editándose un libro que recolle ensaios, semblanzas, recordos, fotobiografía e epistolario no que participan escritores, pintores e músicos de Ferrol, Galicia, España, Alemania e Dinamarca e que a xuízo da comisión organizadora reflicte: “o que moita xente sinte respecto á figura de Luís Mera e a valoración que fai do home, do cidadán e do incansable activista e animador cultural…”.