Henrique Alvarellos Casas


Categoría: Xornalista, escritor e editor
Data de Nacemento: En 1968
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago e Posgrao en Comunicación pola Universidade da Coruña, traballou como xornalista en El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia, Atlántico Diario de Vigo (onde foi redactor-xefe) e a TVG. Foi, así mesmo, xefe de prensa da Consellería de Obras Públicas, responsable de Comunicación de Turgalicia e correspondente para Galicia da revista Cambio 16, entre outros labores xornalísticos (guionista para televisión, director da revista ‘Beiramiño’, etc). Na actualidade, é columnista habitual para varios xornais do país (El Progreso, El Ideal Gallego e Galicia Hoxe, entre outros), ademais de asesor de Comunicación.

 Obras realizadas

É autor dos seguintes libros: ‘Territorio Auroral’ (Consorcio de Santiago, 1997: unha historia de Santiago de Compostela do século XX narrada a través de 36 persoeiros que viviron os acontecementos máis sobranceiros); ‘Teoría de Lugo’ (A Nosa Terra, 2004: crónica intimista e sentimental da cidade amurallada e unha guía polos espazos máis amenos para o autor) e ‘Galicia en cen prodixios’ (Xerais, 2004: unha guía “secreta” de Galicia con todas as singularidades e autoorgullos que fan deste país unha terra única). Henrique é, ademais, co-autor do volume colectivo ‘De profesión, periodista’ (Ir Indo, 2001, onde trinta xornalistas fan unha persoal homenaxe a Diego Bernal).

 Outros datos de interese

É director de ‘Alvarellos Editora’, a empresa familiar especializada en facsímiles do século XVIII e XIX que en 1977 fundou Enrique Alvarellos Iglesias e da que agora son responsables Henrique e Cecilia Alvarellos Casas.