Luisa Villalta


Categoría: Poetisa, escritora de narración, ensayo y teatro, articulista, conferenciante.
Fecha de Nacimiento: 15 de julio de 1957 († 6 de marzo de 2004)
Lugar de Nacimiento: A Coruña
 Currículum

Luísa Villalta. "E formo parte"

Nunha fin de semana de 2004, entre o 17 e o 18 de xaneiro, 46 días antes de morrer con 46 anos, a escritora Luísa Villalta escribe no lateral dun almanaque da editora Assirio & Alvim:

"Escoito a voz

que me silencia:

comezo a expresar

o necesario." 

Os catro versos concentran algúns dos signos do orixinal alfabeto que codifica a indagación literaria da escritora. A voz e o silencio resoan na súa procura das interseccións e cruzamentos entre a poesía e a música; a expresión do necesario abre o espazo da paixón reflexiva na que se sustenta a súa obra.

O Almanaque poético da editora portuguesa acolle as últimas escrituras da autora. Apunta nas súas páxinas diálogos con outros textos, ideas, poemas. Non é a primeira vez. A literatura require estudo, traballo, dedicación esixente, e toda a súa obra, que escribe en apenas vinte anos, dá testemuña da responsabilidade coa que constrúe o seu proxecto literario. Entre 1989 e 2004, publica cerca de quince títulos e numerosos artigos, alén doutros moitos textos, diseminados por distintas publicacións colectivas. Luísa Villalta mantén o pulso tenso da pescuda intelectual en cada acto de escrita cunha atenta interacción cos debates do seu tempo, que é tamén este. A coherencia da súa posición intelectual é un dos trazos significativos dunha personalidade literaria que se debuxa con matices propios e singulares no contexto da dúas últimas décadas do século XX e primeiros anos do XXI.

Os cadernos que a acompañan rexistran ideas e esbozos. Poderiamos pensalos como unha constelación que ilumina os puntos do orixinal territorio intelectual da escritora. De enlazarmos cunha liña cada unha desas formas refulxentes, que figura se debuxaría na bóveda celeste?

“a nena que aínda teño de chegar a ser”

“nacín enfrente de min mesma

cando a Pescadería era un leito de sereas”

Luísa Villalta nace na Coruña o 15 de xullo de 1957. A cidade na que residirá a maior parte da súa vida será materia principal da súa obra. No libro En concreto tomará a dimensión máis plena ata se fusionar coa propia poeta. A casa familiar situada na rúa Vila de Laxe acolle os primeiros anos de infancia. É a filla maior dunha familia de clase media, o pai, profesor mercantil, a nai, formada en comercio, imprimirán nas dúas fillas a afección pola música. Con oito anos comeza a formación no Conservatorio de Música da Coruña. Dezaoito anos despois concluirá como titulada superior de violino. Estuda no colexio das Xosefinas e remata o curso de acceso á universidade no Instituto Eusebio da Guarda en 1973-74. Ávida lectora desde a infancia, os primeiros anos de vida transcorren entre xogos nos xardíns de Méndez Núñez e na Mariña, debuxando, observando o mundo coa curiosidade dunha nena esperta e decidida nos seus propósitos, fosen estes estudar violino ou aprender a patinar en Riazor.

 

Luísa Villalta volverá aos xardíns da infancia anos despois, no seu camiñar pola Cidade Alta:

E falo tamén dos xardíns que organizan estratexias

para que a nena que aínda teño de chegar a ser

desconfíe dos lugares abertos

que non teñen saída.

 

“Eis a Música, que brota como río da existencia”

Nunha tarde de 1978 na contorna da Torre de Hércules soa a música de Escaino. O grupo creárase dous anos antes, os ensaios na cociña da vivenda da poeta convocan sonoridades da música galega e da celta, tamén algo de jazz, como lembra Juan Fernán Vello. No repertorio temas instrumentais e algunha peza vocal na voz de Luísa Villalta. Son composicións de Paulino Pereiro, con quen casa en abril dese ano. En 1985 entrará a formar parte da Orquestra de Santiago e posteriormente da Xove Orquestra de Galicia.

A música foi a ocupación principal na mocidade, obxecto dos primeiros artigos e foco de moitas das reflexións ensaísticas posteriores. Será tamén base da articulación da obra literaria e trazo significativo da súa poética. Na común paixón musical xérase un dos vínculos importantes para a escritora. Nos anos 80 asiste con regularidade aos encontros literario-musicais que Francisco Pillado e Manuela Vega organizan na súa casa. O director dos Cadernos da Escola Dramática publicará as primeiras pezas teatrais de Luísa Villalta. É o investigador teatral quen suxerirá a forma dramática de Concerto para un home só, inicialmente concibido como un relato. Francisco Pillado, que como director de edicións Laiovento publicará tamén o ensaio O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral e a novela Teoría de xogos, facilitaría igualmente, segundo Pilar Pallarés, a edición do primeiro libro de poemas, Música reservada, en Ediciós do Castro.

Licénciase en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela en 1982. Nos anos seguintes continúa a súa dedicación á música mais tamén escribe os poemas que despois formarán o primeiro libro, publica en El Correo Gallego “Sete haikus”, edita as obras Concerto para un home só e O representante e gaña o I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da USC. En 1988 aproba o concurso-oposición de agregados de Bacharelato, segundo denominación da época, e despois de impartir aulas en varios centros exercerá en 1991 como profesora de lingua e literatura galega con destino definitivo en Sada, no instituto Isaac Díaz Pardo. Luísa Villalta implícase nas actividades do centro, a biblioteca, o grupo de teatro, a revista, os clubs de lectura, os recitais, a aula de música... O alumnado lembra o compromiso docente da escritora, a súa defensa do ensino público e da educación como espazo de liberdade e corrección das desigualdades.

Chegara ao instituto de Sada en 1991. Nese mesmo ano publica Música reservada, Silencio, ensaiamos e O paseo das esfinxes.

 

“Eis a poesía. Un camiño de coñecemento”

A poesía é palabra melódica, escribe no prólogo de Música reservada. A música é motivo central do libro no que reúne os poemas de corte existencial escritos nos anos 80 e distribuídos en cinco seccións. Organiza a obra con meditada estrutura. Vaino facer tamén en Ruído. Luísa Villalta escribe e compón, constrúe unha arquitectura verbal, sonora, conceptual. A palabra melódica é “un camiño ao coñecemento”. E a súa voz soará diferente. Segundo a poeta Pilar Pallarés:

"No contexto da poesía de oitenta, década de criación dos poemas que conforman Música reservada, e mesmo na poesía galega de maneira global, a de Luísa Villalta é canto menos “rara”, por diferente e por infrecuente. Éo pola súa dependencia da música, por ser “poesía de pensamento”, polo seu carácter racional, pola abstracción."

 

“Sempre o teatro á procura da verdade”

Tamén a música resoa no teatro. O paseo das esfinxes publícase en 1991 nos Cadernos da Escola Dramática Galega que acolleran nos dous anos anteriores as pezas Concerto para un home só (1989) e O representante (1990). O conflito existencial, o xogo de identidades e aparencias, a escolla do propio camiño e a rebelión fronte ao destino imposto cruzan os textos nunha variedade que vai do teatro poético ao teatro do absurdo. Como apuntou o escritor e director Lino Braxe:

"Encontramos o coñecemento do teatro poético dialogando co clásico en O paseo das esfinxes, o mundo shakesperiano mesturado coas sagas criminosas da novela negra en As certezas de Ofelia, o teatro dentro do teatro en O representante, o teatro do absurdo e a súa paixón pola música en Concerto para un home só."

En As certezas de Ofelia (1999), unha vinganza que traslada os personaxes de Shakespeare ao presente, a protagonista revólvese, desmonta a corrupción e a mentira na que se sustenta a familia e o poder. Dous anos despois publica Os doces anos da guerra, o seu texto máis audaz, a procura dun teatro persoal no que introduce recursos de diferentes linguaxes e desafíos escénicos. A derrota do idealismo e o triunfo do pragmatismo remiten ao contexto da transición política.

O seu interese polo teatro lévaa a traducir o Manifesto por un novo teatro de Pier Paolo Pasolini e A mandrágora de Nicolás Maquiavelo (en colaboración con Francisco Pillado) e a escribir o ensaio O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral (1992) no que, como explica, procura “mostrar e, se acaso, deitar algo de luz sobre un enigma chamado Hamlet, na formulación particular que del fixo, con toda lexitimidade e lucidez, Álvaro Cunqueiro”. Mostra do seu coñecemento da historia da arte dramática a obra sorprende no contexto literario da época, o ensaio e a escrita teatral eran espazos maioritariamente masculinos. No teatro, en concreto, apenas uns nomes continuaban o camiño de Xohana Torres. De engadirmos á situación a posición marxinal do xénero dramático no sistema literario galego non sorprende o carácter de exercicio resistente da escritura escénica. A escolla sitúa a Villalta no excepcional da construción do discurso dramático de autoría feminina. A autora anticípase, tanto neste ámbito coma no do ensaio. É unha demostración da amplitude do seu proxecto literario para un país que neses anos comezaba a estabelecer as bases do que se denominaba “unha cultura normalizada”.

 

“Abrir ao futuro o reino que un día perdemos”

1991 é un ano inaugural na vida literaria da poeta. Ábrese coa publicación de Música reservada, péchase coa de Silencio, ensaiamos. “Once historias que percorren moi diferentes timbres e tesituras, harmonías e orquestracións”, líase na contracuberta. O tempo paira sobre o conxunto que se detén na función da literatura, o amor e a morte, o exilio, o progreso... Se ben é o único libro de relatos publicado, colabora con outros textos en revistas e volumes colectivos, entre eles na antoloxía Narradoras (2000) que reúne narracións de 25 autoras; no limiar indícase: “A compilación que aquí se presenta quere inaugurar un espazo case inédito nas nosas letras: a narrativa de muller”.

Luísa Villalta é unha narradora talvez ensombrecida pola obra poética. A novela Teoría de xogos (1997) amosa o singular do seu proxecto. Nun diálogo con Die Wahlverwandtschaften (As afinidades electivas) de Johann Wolfgang von Goethe, unha voz feminina lembra e relata as relacións e vivencias íntimas dun círculo de cinco personaxes que comparten lugar de traballo. Unha novela que cómpre situar, segundo Inma Otero Varela, na narrativa experimental dos anos 80 e 90.

Cun rexistro diferente As chaves do tempo (2001) é unha novela breve sobre o sometemento e a liberdade nunha imaxinaria Galiza medieval. O texto mira o futuro cos materiais da memoria: “Abrir ao futuro o reino que un día perdemos” lemos, e explora acaso tamén outro público. X. M. Eiré, nunha das recensións que dá conta da saída do libro, subliña: “Cando se procuran discursos narrativos que ilustren determinados momentos históricos e que sexan asequíbeis á leitura de mozos e mozas, a escaseza de títulos é case patética”.

Ademais destes tres títulos o legado da autora atesoura máis relatos e algunha novela. Luísa Villalta é unha escritora multixenérica que abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico. É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón.

Nos anos 90 entra como vogal na directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, participa no consello de redacción da revista Contemporánea, representa a AELG no European Writers Congress en Viena, asiste aos congresos de Galeusca, ao III Congreso de Escritores Galegos, ao Simposio Internacional Muller e Cultura ou ás I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa. Prodúcense tamén neste tempo cambios importantes na súa vida persoal, e a música, cando menos no seu estudo e execución, deixa de ocupar o centro, “unha cadencia rota”. No caderno Compendium musices escribe “Mentres poda pensar e amar o que penso persistirá a paixón creadora”.

 

“Haberá poesía en que salvar-se?”

Entre febreiro de 1993 e setembro de 1994 escribe Ruído (1995). Luísa Villalta suspende a execución, detén o arco, párase a escoitar o “ensurdecido vértigo” dun “corazón que galopa o seu ritmo”. Dalgún xeito o libro anuncia o xiro que anos despois explica na súa “Poética da concreción”: “Baixei os sonidos ao silencio da necesidade e púxenme a escoitar”. A obra da poeta emerxe aí, nese atender, ouvir, comprender. O camiño ao coñecemento de Música reservada toma aquí a resonancia dun tambor que esperta, “o rito da palabra tensa pel do mundo”. “Isto é tamén unha muller que resiste”, escribe. O poema (“a poesía é ruído provocado”, afirma) móvese, a voz explora a disonancia. O penúltimo poema de Ruído inaugura o percorrido pola cidade, nun movemento “cara afora” que en 2004 tomará as dimensións de En concreto. Ruído rexistraría ese tránsito que se opera na poética da escritora.

Alén dos prólogos de Música reservada e Ruído, o carácter reflexivo que alicerza a voz de Luísa Villalta revélase tamén en dúas autopoéticas: “Sobre un certo estado de conciencia” (2000) e “Poética da concreción” (2003). Se na primeira a música é forma primordial: “O estado de conciencia a que me refiro parte en min da interpretación musical (...) A melodía que soa no violino xorde dun acto continuo da vontade (...) Desta mesma vontade nace a palabra”. Na segunda (á que volveremos) a vontade apunta un movemento: “Un día saín do meu violino, lembro, e enxordecín a escala da corda por lle facer nós de palabras que me permitisen baixar aos camiños”.

No mesmo ano de Ruído publícase Rota ao interior do ollo (1995). O Cadrado Sator articula un dos títulos máis peculiares da autora, unha plaquette de cinco poemas breves encadeados que xiran arredor do multipalíndromo constituído polas palabras latinas: Sator, Arepo, Tenet, Opera, Rotas. Os poemas formarán en 2003 o caligrama en forma de ollo que a autora preparará para a iniciativa Botella ao mar e a exposición Flying Carpet. Este caligrama é mostra do seu interese pola dimensión visual do poema que Luísa Villalta estuda tamén en debuxos e caligrafías. A exploración das contornas do poético e as súas manifestacións vaina levar ademais á indagación sonora sobre a dicción e a vibración do texto nun traballo recitativo no marco da fonopoesía, segundo noticia de Xosé María Álvarez Cáccamo.

No ensaio O outro lado da música, a poesía. Relación entre ambas artes na historia da literatura galega (1999) percorre os vínculos entre o son e o texto. O propósito da obra é “restituír a primitiva unidade da música e a poesía desenvolvendo un punto de vista inédito na interpretación dos textos literarios”, como recolle a contracuberta. A autora atende as temáticas mais tamén a dimensión rítmica e sonora dos poemas coa que traza un inusual itinerario desde as orixes ao século XX. Unha inédita formulación que reflicte a orixinalidade dos seus enfoques e a sutil e perspicaz lectura de Luísa Villalta.

 

“a inmensidade do espacio que temos para voar”

A revista Festa da palabra silenciada convoca no número de 1994 algúns dos debates feministas do momento: “Para dar conta da vizosidade do pensamento feminista, nada mellor que traer á palestra os debates actuais e os temas claves ou preocupantes”, explica Mª Xosé Queizán. Entre os artigos figura “Mulleres si, pero” que xunto co traballo titulado “Por que os homes non nos len?” do volume colectivo escrita e mulleres. doce ensaios arredor de Virginia Woolf (2003) poderiamos considerar dous dos textos que condensan o pensamento de Luísa Villalta respecto ao feminismo, ou cando menos a súa posición sobre a condición das escritoras. No primeiro explica a xénese, “faga o que faga algo me lembra sempre que son unha muller”, e a medida dos debates do momento: “E a cuestión segue aí mesmo pesadamente nos interminábeis debates sobre literatura e muller, cultura e muller...”. Neses anos as escritoras víanse obrigadas a pensar o lugar da escritura, definir posicións. O artigo que remata apelando á “inmensidade do espacio que temos para voar” terá continuidade en 2003 nunha análise máis detallada que tenta dar resposta á pregunta “Por que os homes non nos len?”. Desenvolve un discurso antiesencialista que apela á razón: “Sen racionalismo non habería feminismo”; advirte sobre o que denomina “encerronas do feminismo” e a súa utilización por instancias servidoras do capitalismo e apunta: “O feminismo ten un campo de análise e actuación renovado na medida en que parte da súa mensaxe está a ser reutilizada como un novo meio de aclimatar unha nova feminidade, isto é, mudar o necesario para que nada mude”; e insta ás mulleres a que non se conformen consigo mesmas e amplíen o seu rexistro involucrándose en terreos inhabituais.

A inconformidade maniféstase, en Luísa Villalta, na literatura e na actividade pública. Participa vivamente nos debates culturais da fin do milenio. É unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega - no que coordina a área de Revisión Histórica e Análise Crítica da Cultura- que tiña por obxecto analizar as condicións da cultura. Ánxel Huete, un dos artífices da iniciativa, explicaba nos medios: "É imprescindíbel que exista un espacio de concurrencia independente, desde o que o poidan manifestar a súa opinión as persoas da cultura. Desde o que artistas, músicos, escritores ou ensinantes poidan defenderse do dirixismo e da instrumentalización da cultura que se fai desde as administracións”.

Pensamento e acción reflicten a preocupación da escritora partícipe nos procesos de activación social e política a través de distintas plataformas. Forma parte da Mesa pola Normalización Lingüística, tamén do BNG, no que ingresara no ano 1992, asiste a reunións de escritores a prol dun acordo ortográfico... No IV Congreso de Escritores en Língua Galega (Vigo, 2001) le “Da épica ao publicismo” sobre a situación literaria no cambio de século:

"Debemos detectar e desafiar o cada vez maior control que intenta poñer couto á liberdade de pensamento e expresión, tanto polo procedimento do silenciamento directo como pola banalización e minimización tendente a neutralizar os discursos tanto éticos como literarios que afrentan ese control."

Sobre estas e outras cuestións volverá nas columnas que publica entre xaneiro de 2002 e marzo de 2004 no semanario A Nosa Terra, recollidas despois en O libro das colunas (2005).

 

“formalmente libres pero sustancialmente impotentes até a exasperación”

Se ben a súa sinatura foi habitual en publicacións periódicas (Agália, Man Común, Festa da palabra silenciada, Grial, Luzes de Galiza, A Trabe de ouro, Página abierta, Mondo Lusófono, etc.) a columna xornalística vai permitirlle un discurso con continuidade ganduxado coa actualidade. Luísa Villalta propón un campo para o debate, alimenta unha vontade de intervención para estimular unha reflexión crítica. Implícase, toma partido, crea opinión, deita outra lectura, enfía humor e ironía nunha ollada propositiva co ánimo dun pensar colectivo máis aló do inmediato. E apenas se comprace, foxe de lugares comúns mesmo nos momentos de maior intensidade emocional e interpélanos. Sobre a indignación colectiva que mobiliza o país co afundimento do Prestige reflexiona:

"e en certo modo é ben triste que estexamos todos de acordo en sentirnos iguais, irmáns, paralelos equivalentes e colaboradores pola negativa, nós que nunca tivemos unha mesma idea común, compartida e activa da dignidade que agora sentimos ferida."

A escritora tira da tona da actualidade o irrelevante para se deter no núcleo que desvela o urdido do real. Cun estilo coidado e directo, convoca, interpela, mobiliza. A lectura hoxe das súas columnas desvela a lucidez da análise e a capacidade para detectar os indicadores dos problemas por chegar: a perda de falantes, a crise económica, ou as consecuencias do peche dos medios de comunicación en galego, entre outros.

"Se toda a nosa historia fose así, un construír, máis que un acumular, fragmentar e derrubar, se cada unha das nosas actuacións fosen un continuo cimentar máis que un utilizar e desgastar, gozaríamos da vida nun país seguro de si mesmo, acolledor, criativo e orgulloso."

200.000 persoas, segundo a organización, percorrían un 9 de febreiro de 2003 as rúas da cidade da Coruña. A das maletas xerou algunha das imaxes icónicas das manifestacións de Nunca Máis. Luísa Villalta tamén estaba alí. Participa das amplas mobilizacións cívicas contra a xestión do afundimento do Prestige, colabora nas publicacións colectivas, intervén en recitais, escribe artigos... Ese ano o Día das Letras lembra a Antón Avilés de Taramancos. Na columna de A Nosa Terra escribe:

"A presente histamina primaveral contra un poder abusón non dá para unha revolución. Pero aí está tamén para que serven os libros, para levar as contas pendentes, para poñer ao ar as feridas. Temos no conxunto da obra de Avilés a épica escura dunha vitoria difícil, unha historia colectiva na que ficou encerrada a súa historia persoal, co corazón aínda en vilo, en espera sempre dun capítulo decisivo."

 

“púxenme a escoitar” 

O 24 de xaneiro de 2004 o xurado do premio de poesía Espiral Maior decide por unanimidade galardoar o libro En concreto. A acta subliña o carácter expresionista dun texto que rende homenaxe á Coruña, destaca “o pensamento poético maduro e un equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario”. A escritora explicaría que con este libro enfrontaba un particular reto e decidiu poñelo a proba nun certame.

"Baixei os sonidos ao silencio da necesidade e púxenme a escoitar.

Quixen traer a poesía ao chan e edificar a memoria de promisión de que falan

os soñadores corazóns que me rodean na Historia.

Procurei a concreción."

A “Poética da concreción” (2003) rexistra un xiro no seu pensamento poético, o chan e a escoita son símbolo e intención: “Un día saín do meu violino, lembro, e enxordecín a escala da corda por lle facer nós de palabras que me permitisen baixar aos camiños”. O movemento é cara a unha nova cadencia: “Quixen, quero, transcreber o que vibra en min, o que escoito. O que é”. Esa pulsión da escoita, do que vibra (“O ritmo non é unha cuestión puramente ornamental. Nel latexa unha forma de coñecemento distinta, non racional”, lembra Arturo Casas) non implica abandono da procura racional que tensa a súa voz. A estrutura de En concreto é unha estrutura significativa. A autora explicábaa así:

"Na primeira parte os poemas xiran arredor dos aspectos míticos da cidade, a historia e tamén a intrahistoria da cidade (...) Unha segunda parte son “Edificios” onde se recrean estes armazóns nos que se move a vida humana (...) Hai unha crítica contra a explotación inhumana do chan (...) unha defensa desta primitiva relación dos seres humanos co chan. A terceira parte é máis dinámica, “Estampas”, onde se reproducen situacións da vida urbana. A cuarta, “Nomes”, é unha reflexión lírica de como os nomes se defenden do seu vaciamento de significado (...). Finalmente a quinta é o “Poema da cidade alta” (...) Aí proxéctome eu mesma”.

A cidade toma unha dimensión colectiva e ao tempo moi persoal: “Fala da continuidade entre o eu e o nós”, apuntaba. Soa o vento, o mar aperta as vidas de traballo dos barrios, a poeta revela os rastros, os nomes, as portas sen saída. En concreto dilátase no verso amplo dunha voz que, no amor e no odio, escoita os ritmos soterrados, o ollo que vixía e que ilumina, as vibracións discordantes da cidade; escoita outra memoria e o paso do eu no nós.

Mírame, mírate, mírame en ti

e escólleme para soñarte.

O libro aporta, segundo X. M. Álvarez Cáccamo, “unha inflexión notable á densidade discursiva do texto colectivo da poesía de intención civil”.

A obra de Luísa Villalta é un corpo textual atento, entregado, e ao tempo á espreita, respirando cos instrumentos da razón levada da liberdade. O pensamento articula unha obra que non se detén, que comprende e para iso non dubida a escritora en mobilizar marcos, percutir diccións, tensar o texto no desexo emancipado dunha liberdade que pula no interior e que ten nos poemas de O Papagaio (2006) unha poderosa expresión.

 

“destes nosos corpos, o único que somos”

En marzo de 2001 comezan as obras de derruba do Papagaio na cidade da Coruña. As humildes vivendas e as vellas casas de prostitución do barrio deixarán paso a unha urbanización, un aparcamento e un centro comercial. Maribel Longueira fotografía o proceso, as marcas da ruína, a acción das escavadoras, o derrubamento e os restos. Entre os cascallos rexistra vestixios de obxectos domésticos, despoxos da exclusión. Convida varias poetas a escribir algún texto sobre o barrio. Ás poucas semanas Luísa Villalta preséntase na súa casa con 19 poemas, as imaxes correspondentes e todo organizado nas tres seccións que despois integrarán o libro.

Os poemas auscultan a respiración das fotografías, escoitan o seu pulso. As vidas das mulleres do Papagaio toman forma na voz dunha poeta que ergue nela a dignidade no medio da hipocrisía, da moral represora e da violencia patriarcal que equipara á violencia da especulación urbanística. Segundo Álvarez Cáccamo: “Evidencian un claro parentesco de analoxía coa agresividade dos turbios negocios que sustentaron o proceso de reconversión do barrio. A inmoralidade do comercio sexual e a propia da especulación urbanística comparten a mesma raíz ideolóxica”. A voz emerxe no rigor da verdade e da escoita a ras-de-chan, é “a poesía ao chan” da Poética da concreción na que anunciaba unha posición inconforme “desta idade media burguesa que me separa do coñecimento e intenta dirixirme á trapela do bon gosto”. A escritora enfronta a trapela e o simulacro, disecciona a exclusión e os prexuízos, reconstrúe a outra historia. A voz da poeta adquire en O Papagaio unha inaudita reverberación.

A escritura de Luísa Villalta irradia exploración e movemento, desde o núcleo e á procura da formulación máis profunda desprega rexistros formais e estilísticos con texturas diversas. Afástase, semella, da repetición á que a formación musical obriga, talvez reservara á literatura a liberdade dunha execución sen reiteración, unha execución que crea. O poético sería, nesa exploración, liberdade, pensamento que se revela, reflexión, escoita e acontecemento.

“O exterior

baila nas sombras”

Luísa Villalta falece inesperadamente na madrugada do 6 de marzo de 2004 na súa casa, mentres durmía. Unha meninxite fulminante pon fin á vida da escritora.

Agardábana nunha xuntanza da AELG en Compostela e na inauguración dunha mostra en Oleiros con ocasión do Día Internacional da Muller, tamén na exposición Flying Carpet que acollía o seu ollo caligrama na Fundación Torrente Ballester. Días antes participara na presentación do libro Intifada: Ofrenda dos poetas galegos a Palestina. Remitira a A Nosa Terra o artigo “Cultura, Cultureta, Culturalismo” publicado o 4 de marzo, revisara En concreto para a súa publicación, preparaba con Maribel Longueira o proxecto do Papagaio, comprometérase para o manifesto de inauguración de Abril dos Libros en Pontevedra, enviara o poema para a edición de Bóveda na voz dos poetas, do Congreso A Galiza de Bóveda... E escribía cada día no almanaque de Assirio & Alvim, o último apuntamento comeza: “O exterior/ baila nas sombras”.

E todo se suspende.

Un violín soa fronte o mar no cemiterio de Santo Amaro. O sol quece o desamparo dun luns de marzo. Na noite, cando todo enmudeza, acaso unha liña imaxinaria perfile na bóveda celeste a forma dun corpo pensante en clamorosa vontade de voo.

 

“non me abandono e formo parte”

Catro meses despois do seu falecemento publícase En concreto.

Así vou eu

formando parte

Non me abandono e formo parte

Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na súa singularidade; e sendo unha escritora que se incardina no seu tempo, traza no literario insólitos itinerarios. A solidez do edificio que constrúe emerxe nunha obra marcada pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor. Luísa Villalta pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas.

Texto extraído da web da RAG. Autora: Ana Romaní.