Foi un dos máis importantes músicos galegos. Virtuoso da guitarra e da cítara, compositor e catedrático de Belas Artes na Coruña. Foi director do Orfeón Coruñés e máis tarde da coral El Eco. Con esta coral obtivo galardóns en Pontevedra (1880), Madrid (1887), Barcelona (1888) e Santander. Foi premiado tamén en París, onde o grupo que dirixía foi galardoado no festival do Teatro Trocadero, en 1889. Malia o seu recoñecido prestixio, a cátedra que rexentaba na Coruña foi suprimida, razón que levou a Chané a emigrar. Deste xeito, chega a Cuba en 1893, cando tiña 37 anos. Na Habana dirixiu o orfeón Ecos de Galicia, co que acadou grandes éxitos. Na capital cubana Chané tivo unha estreita relación co poeta Curros Enríquez, chegando a pór música a varios textos do poeta ourensán, o máis famoso de todos sería "Unha noite na eira do trigo".
Foi tamén profesor de música do Centro Gallego da Habana. Neste senso, en xullo de 1895, durante os exames realizados nesta institución mantivo un enfrontamento co presidente do tribunal, Vicente Fráiz Andón, que motivou a súa saída do plantel do Centro Gallego.
Na capital cubana participou en distintas entidades galegas como a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia ou a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, da que foi secretario. Tamén recibiu o cargo de académico correspondente da Real Academia Galega.
En agosto de 1907, logo de moitos anos de ausencia, regresou á Coruña. A intelectualidade galega obsequiouno cun grande banquete presidido pola escritora Emilia Pardo Bazán. Entre as persoas presentes estaban Neira Cancela, o doutor Rodríguez, Armada Teixeiro, Lugrís Freire, Martínez Fontenla e distintos directivos de orfeóns galegos.
Chané viviu os seus últimos anos na Habana onde seguiu ata os últimos días a escribir música, e nos seus momentos de lecer executaba os distintos instrumentos de corda. Neste país casara con Elvira Hernández Celis coa que deixou longa descedencia. A súa derradeira obra de composición foi 'A lúa de Cangas', estreada polo Orfeón Ecos de Galicia nunha velada en honra ó poeta viveirense Pastor Díaz.
Castro Chané morreu na Habana o 27 de xaneiro de 1917 sendo os seus restos trasladados á Coruña onde chegaron o 4 de marzo, sendo inhumados no cemiterio coruñés. Durante o sepelio centos de persoas déronse cita para homenaxear ao grande compositor galego. Toda a prensa da época resaltou de maneira notable a chegada dos restos de Chané. O xornal A Nosa Terra voceiro das Irmandades da Fala sinalou nas súas páxinas:
"No cemiterio da Coruña, preto de Curros, o seu irmán de raza, o seu compatriota, repousa xa para sempre o mestre Chané. O grande Centro Galego da Habana honra dos `bos e xenerosos´, cumpre co seu deber mandándonos os sagrados restos do autor da Foliada. Galiza enteira cumpriu tamén o seu deber, facéndolle ao mestre un enterro garimoso e solemne...". "...Non sabemos se os espiritos na outra noite, ben na propia campa ou nos Campos Elíseos, á soma dos buxos virxiliáns, paragrafean aparellados. Se así fose, Curros e Chané que espiritualmente se xuntaron no "Adiós a Mariquiña", dende agora falarán coa voz do misterio fala eterna sen palabras, os corazóns da mocidade galega para que manteña acesa a luz santa do enxebrismo redentor.
Xa pasou dos inxenuos orfeóns, os estandartes -reliquias que tremeron no enterro do Clavé galego, hai que conservalos como gloriosas relembranzas históricas. Fagamos -¡ou somas queridas de Curros e Chané!- porque xurda o mestre capaz de concertar voces pra defensa de Galiza: pensemos nas cordas que serven para facer lazos corredizos nas árbores".